Saturday 04 de May de 2024

Presentación en Muros do libro negro da linguea galega


A alcaldesa de Muros, María Lago, e a maxistrada Teresa Fernández Molinos encargaranse de presentar, o próximo día 28 de agosto ás 20h, o volume O libro negro da lingua galega, da autoría do ribeirense Carlos Callón. O encontro está organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Muros, Edicións Xerais e A Mesa pola Normalización Lingüística. Desenvolverase na sala de exposicións da antiga Conserveira de Sel.

O libro negro da lingua galega é o primeiro volume que recolle e explica testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos: o repertorio de castigos escolares por falar en galego; as prohibicións para que os barcos, as persoas ou os negocios tivesen nome no noso idioma; as inspeccións e multas por falar galego ou mesmo por ter “exagerado acento gallego”; as queimas de libros, etc.

Desde a súa publicación, O libro negro da lingua galega está a contar cunha acollida excelente e máis de 3.000 persoas participaron xa nos actos de presentación. O autor considera que esta boa recepción se debe a que “o galego está hoxe nunha encrucillada para o seu futuro e unha parte significativa da sociedade non está disposta a que se continúen a cometer inxustizas contra o noso idioma natural”. “Para mudarmos o futuro é preciso coñecermos o pasado e neste libro explícase por que a nosa lingua propia está hoxe como está, non é algo natural a súa discriminación”, conclúe.